Friday 10 de May de 2024

Política Social sinala que a mellora da atención residencial precisa dunha formación conxunta entre os ámbitos social e sanitario


A coordinación sociosanitaria é unha das bases do novo modelo de residencias no que está a traballar o Goberno galego

O director xeral de Atención Integral Sociosanitaria, Antón Acevedo, presentou hoxe as xornadas Saúde mental en residencias, organizadas pola Unidade de Coordinación e Apoio Asistencial a Residencias e Comisión de Docencia da Área Sanitaria da Coruña e Cee. Na súa intervención fixo fincapé en que a mellora da atención dos centros residenciais de maiores e persoas con discapacidade precisa dunha formación conxunta entre os ámbitos social e sanitario.

Esta proposta, na que se abordaron cuestións como o manexo dos usuarios con síntomas neuropsiquiátricos ou síndrome confusional agudo, é unha das actividades formativas que se levarán a cabo nos próximos meses para tratar temas de grande importancia no ámbito residencial como a saúde mental, a prevención de caídas, a nutrición e a valoración do deterioro cognitivo, entre outros aspectos.

Nesta liña, Antón Acevedo recalcou a importancia de continuar poñendo en marcha programas de formación como este, no que se afonde na coordinación sociosanitaria como unha das claves da mellora da calidade e da atención dos centros residenciais.

Ademais, o director xeral salientou o gran labor realizado polos traballadores sanitarios e sociosanitarios durante a pandemia, e puxo en valor a coordinación do mundo social e o sanitario como unha das claves do novo modelo residencial no que se está a traballar.